domingo, 30 de noviembre de 2008

Desordes da inmunidade humana

O sistema inmunolóxico é un complexo notablemente eficaz que incorpora especificidade, inducibilidade e adaptación. No entanto, ás veces prodúcense fallos que poden agruparse, de forma xenérica, dentro das tres seguintes categorías: inmunodeficiencia, autoinmunidade e hipersensibilidade.


Inmunodeficiencias
A Inmunodeficiencia ocorre cando un ou máis dos compoñentes do sistema inmunolóxico están inactivos. A habilidade do sistema inmunolóxico de responder aos patóxenos vese diminuída nos adultos maiores. Nestes últimos as inmunorespostas empezan a decaer ao redor dos 50 anos.

En países desenvolvidos, a obesidade, o alcoholismo e o abuso de drogas ilegais son causas comúns dunha resposta inmune diminuída. Con todo, a malnutrición é a causa máis común da inmunodeficiencia en países en vías de desenvolvemento.

As inmunodeficiencias tamén poden ser herdadas ou adquiridas . A enfermidade granulomatosa crónica, na cal os fagocitos teñen problemas para destruír patóxenos, é un exemplo dunha herdanza, ou inmunodeficiencia conxénita. A SIDA e algúns tipos de cancro causan inmunodeficiencia adquirida.

Linfocito T infectado por VIH

Autoinmunidade
As respostas inmunes esaxeradas abarcan o outro extremo da disfunción inmunitaria, particularmente a desorde autoinmune. Aquí o sistema inmunitario falla en distinguir adecuadamente o propio do estraño e ataca a partes do propio organismo. En circustancias normais, moitas células T e anticorpos reaccionan con péptidos do propio organismo. Existen, con todo, células especializadas (localizadas no timo e na medula ósea)que participan na eliminación de linfocitos novas que reaccionan contra antíxenos propios, para previr así a autoinmunidade.


Hipersensibilidade

A hipersensibilidade é unha inmunoresposta que dana os tecidos propios do corpo. Está dividida en catro clases baseándose nos mecanismos involucrados e o tempo de desenvolvemento da reacción hipersensible. O tipo I de hipersensibilidade é unha reacción inmediata, relacionada con alerxias. Os síntomas van desde un malestar suave ata a morte.

O tipo II de hipersensibilidade prodúcese cando os anticorpos se lígan a antíxenos localizados sobre as células propias do paciente, marcándoas para a súa destrución. Tamén recibe o nome de hipersensibilidade dependente de anticorpos ou citotóxica.

Os inmunocomplexos depositados en varios tecidos desencadean a hipersensibilidade de tipo III. A hipersensibilidade de tipo IV (tamén coñecida como "hipersensibilidade de tipo retardado") xeneralmente tarda entre dous e tres días en desenvolverse. As reaccións de tipo IV están implicadas en moitas enfermidades autoinmunes e infecciosas, pero tamén inclúen dermatitis de contacto. Estas reaccións son mediadas polas células T, monocitos e macrófagos.

No hay comentarios: